BiFeGa

Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación

Research Group in Literary & Cultural Studies, Translation & Interpretation

     

BIFEGA é un grupo de referencia da UVIGO, creado en 2016 como agrupamento de tres equipos de investigación e unha cátedra, cunha longa traxectoria de cooperación en liñas temáticas converxentes e con metodoloxías transversais:

Feminario (1996), un equipo formado por compoñentes das áreas de Filoloxía Inglesa, Filoloxía Galega e Tradución e Interpretación.

GAELT (1997), da área de Filoloxía Galega e Portuguesa.

BiTraGa (2003), da área de Tradución e Interpretación.

I Cátedra Internacional José Saramago (CJS, 2016), da área de Filoloxía Galega e Portuguesa.

No período 2017-2019, BIFEGA obtivo unha axuda GPC da Xunta de Galicia.
A estreita cooperación ao longo de máis dunha década en actividades científicas e de divulgación, codirección de teses, publicacións, cursos de mestrado e doutoramento, e en diversos proxectos de investigación favoreceu a creación dun grupo altamente competitivo e produtivo, cunha xestión de recursos máis eficaz.
O obxectivo de BIFEGA é a investigación interdisciplinaria a partir de metodoloxías actuais dos Estudos Literarios e Culturais en lingua galega, portuguesa e inglesa; dos Estudos de Tradución e Interpretación en inglés, francés, alemán, galego e castelán; así como dos Estudos Feministas e de Xénero.
Destaca a excelencia e o impacto internacional da nosa produción científica como tamén o elevado número de ámbitos culturais e lingüísticos nos que publicamos (alemán, castelán, francés, galego, inglés e portugués), dos proxectos de investigación internacionais, estatais e autonómicos liderados e participados, así como dos numerosos convenios con entidades nacionais e internacionais.
Membros de BIFEGA lideran entidades de grande relevancia autonómica e internacional, coas que existen numerosas colaboracións: Association of Programmes in Translation and Interpreting Studies in the UK and Ireland, Fundación Rosalía de Castro en Galicia e a I Cátedra Internacional José Saramago na Universidade de Vigo.