LIÑAS DE INVESTIGACIÓN

BITRAGA

BiTraGa: Panorama e Desenvolvemento da Tradución en Galicia (IP: Silvia Montero Küpper). Documentación e estudo das traducións dende e cara ao galego nun Catálogo dixital da tradución galega que serve de modelo para outros catálogos dixitais dentro e fóra do Estado español. A partir desta base de datos xurdiron xa os máis diversos intercambios científicos internacionais, con estudos e aplicacións nos Estudos de Tradución, Estudos Literarios e Culturais.

Máis información

Catedra Internacional José Saramago (CJS)

A I Cátedra Internacional José Saramago é un espazo de reflexión e diálogo que ten o obxectivo de promover a cooperación científica, literaria, lingüística, educativa e cultural en torno á figura do Premio Nobel de Literatura 1998 José Saramago a través da investigación, docencia e divulgación social da súa obra humanística.

Máis información

Feminario I

Feminario I: Estudos da globalización (IP: Belén Martín Lucas). Estudo interdisciplinario da produción cultural no contexto da globalización, empregando metodoloxías dos estudos decoloniais, feministas, teorías dos afectos e do posthumanismo crítico, con especial atención ao tratamento da diferenza nas culturas globalizadas, a hexemonía da cultura anglófona, e a circulación doutros produtos culturais mediante a tradución.

Feminario II

Feminario II: Feminismos e Resistencias (IP: Ana Bringas López). Estudo das teorías feministas, poscoloniais, decoloniais e análise crítica desde a intersección destes marcos da produción cultural anglófona (literaria, audiovisual e outros formatos da cultura popular).

GAELT I

GAELT I: Estudos Literarios Galegos (IP: Manuel Fernández Álvarez). Estudo da tradición literaria galega a partir de perspectivas sincrónicas como diacrónicas, analíticas como sintéticas, e das súas interrelacións sociolóxicas, tradutolóxicas e de estudos de xénero, promovendo a internacionalización dos Estudos Galegos. A través da Fundación Rosalía de Castro, presidida por Anxo Angueira, esta liña incide tamén nos Estudos Rosalianos e, coa colaboración de Bieito Arias Freixedo, no proxecto Universo Cantigas, nos Estudos Medievais.

GAELT II

GAELT II: Estudos Lusófonos e de Tradutoloxía (IP: Burghard Baltrusch). Documentación e estudo das literaturas lusófonas contemporáneas, así como da poesía actual en lingua portuguesa, galega, española, alemá e inglesa, con metodoloxías tradutolóxicas, de xénero e sociocríticas en xeral. A través da I Cátedra Internacional José Saramago, dirixida por Burghard Baltrusch, esta liña promove tamén a cooperación entre Galicia e o mundo lusófono.

LINKTERPRETING

Linkterpreting: Estratexias para a mellora da formación e do exercicio profesional (IP: Maribel del Pozo Triviño). Estudos de interpretación relacionados cos servizos públicos no ámbito xudicial, con persoas vulnerables. Análise da interpretación como dereito humano e os seus respectivos ámbitos asistenciais en ONGs. Creación de condicións para unha mellora da formación e do exercicio profesional, da comprensión intercultural e poscolonial, da Tradución Cultural e dos Estudos de Xénero.

Máis información

TERMINOLOXÍA

Terminoloxía (IP: Iolanda Galanes Santos). Estudo do comportamento e tratamento terminolóxicos en contexto de mediación lingüística, da variación terminolóxica, neoloxía e avaliación de fontes terminográficas. Produción de repertorios terminográficos en colaboración con entidades internacionais (UE Yourterm.eu – Terminology without Borders, Realiter | Realiter, Canadá e Brasil), incluíndo aspectos dos Estudos Culturais e de Xénero.