O poético e o político no Festival da Poesia no Condado. Funções, repertórios e comunidade(s)
DOUTORANDO | Xián Naia Sánchez |
---|---|
TÍTULO | O poético e o político no Festival da Poesia no Condado. Funções, repertórios e comunidade(s) |
DIRECTOR |
Burghard Baltrusch (co-director: Isaac Lourido UDC)
|
LIÑA DE INVESTIGACIÓN | Literaturas e cultura galega e portuguesa e literatura medieval |
RESUMO | Esta proposta investigadora nace do interese de estudo de prácticas poéticas que trascenden o textual. Un interese epistemolóxico primario diríxese á relación entre esas poéticas e os movimentos sociais, con especial atención á idea do conflicto como modo relacional do social e polas prácticas das comunidades socioculturais desenvolvidas neses campos activistas. Outro interese específico oriéntase ás diferentes concepcións que do poético conviven no espazo social galego, que será o prioritario para a investigación que nos ocupa, e nas suas diferentes funcións, nos procesos de transferencia social, nos proxectos de acción política ligados a elas, ou nas prácticas corporais do poético para o político. Para isto, a tese centrarase no Festival da Poesia no Condado como obxecto de estudo. Un festival moi pouco analizado no campo académico, que comeza a súa actividade en 1981 da man da Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, entidade que segue a nuclear, xunto con outros activismos comarcais, a organización do evento, que vén ocupando nas últimas décadas unha relativa centralidade na rede de festivais culturais na Galiza. Conviven nel as diversas formas do poético que recollen algún tipo de interese para este traballo, das máis nitidamente literarias para outras híbridas que gardan relación co performativo, coas oralidades e, en xeral, coas poéticas encadradas no concepto do non-lírico (Casas, 2012). Así, a programación do festival leva mais de trinta anos incluíndo a presenza de poetas a recitaren nos espazos habilitados (cada vez máis diversos, que van do grande escenario a pequenos recantos), como tamén dá un grande protagonismo aos grupos musicais convidados. Isto, somado ao feito de o Festival contar con relativo recoñecemento nos campos cultural e activistas, un material dispoñíbel considerabelmente amplo, aínda que disperso, e en diferentes soportes (antoloxías de poesía publicadas anualmente, programas do festival, cartaces, fotografías, vídeos…), unha inclusión e introdución do cultural en sentido amplo e internacionalista, coa continua participación de poetas de diferentes culturas (catalá, palestina, vasca, portuguesa…), un carácter político moi marcado en todas as súas edicións (comprobamos isto, por exemplo, nos lemas escollidos para cada unha delas), permiten materializar a análise dos intereses investigadores anteriormente enumerados. |
PALABRAS CHAVE | Poesía, comunidades, conflito, oralidade, movementos sociais |