Un enfoque interseccional ás representacións de girlhood no universo de The Handmaid’s Tale: máis alá das restriccións de xénero e a súas (falsas) representacións

 

DOUTORANDA Sara Tabuyo Santaclara
TÍTULO
Un enfoque interseccional ás representacións de girlhood no universo de The Handmaid’s Tale: máis alá das restriccións de xénero e a súas (falsas) representacións
DIRECTORA

 

Belén Martín Lucas

LIÑA DE INVESTIGACIÓN Feminario
RESUMO

Esta tese céntrase nunha análise interseccional das representacións de girlhood nas producións que compoñen o universo de The Handmaid’s Tale. O corpus a analizar está composto polas historias das mozas adolescentes que aparecen tanto na serie The Handmaid’s Tale, dirixida por Bruce Miller, como en The Testaments, a secuela da afamada novela distópica de Margaret Atwood The Handmaid’s Tale. A tese está enfocada a explorar a través destas personaxes a formación da identidade das mozas, a través a categoría de identidade “girl” e dos procesos que elas mesmas inician para rexeitar as imposicións ao seu propio desenvolvemento. Así, establécese a importancia de analizar ás nenas e adolescentes como suxeito de estudo, rexeitando a consideración da adolescencia como unha simple etapa de transición que culmina na idade adulta. Nun primeiro momento trazaranse as principais características e retos dos girlhood studies, a metodoloxía interdisciplinaria e relativamente nova que utilizará principalmente esta tese e que se combinará con estudos feministas e queer. As imposicións de xénero cisheteronormativas son chaves no desenvolvemento das rapazas, que deben adaptarse a uns roles moi marcados, que se impoñen ata na súa corporalidade, e que as levan a entrar en conflito coas súas propias necesidades. Porén, todas as personaxes a analizar conseguen romper coas políticas restritivas ás que son sometidas e así redefinen e moldean novas formas de ser, fóra dos canons establecidos na nación distópica. Por último, analizarase o corpus como un artefacto cultural que terxiversa o compoñente racial das opresións interseccionais, utilizando acontecementos históricos sufridos por poboacións racializadas en América do Norte e á súa vez borrando a presenza destas poboacións na ficción.

PALABRAS CHAVE The Handmaid’s TaleThe Testaments, Margaret Atwood, Girlhood Studies, Girls, Intersectionality, Feminist Studies, Queer Studies, Dystopian Fiction