Co gallo da II Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego e dos cen anos do nacemento da escritora austríaca Ingeborg Bachmann, a liña de investigación Bitraga convida o tradutor e ensaísta Arnau Pons a impartir unha charla sobre a poesía de Celan e Bachmann que dirixirá a investigadora e poeta Almudena Otero e na que tamén haberá ocasión de falar sobre tradución e poesía.
Entre outros recoñecementos, Arnau Pons obtivo o Premio Nacional 2015 á Mellor Tradución por Cristall d’alè, de Paul Celan (Atemkristall). Ademais de ser especialista en Paul Celan, traduciu autorías tan diversas como Jean Bollack, Luiza Neto Jorge, Hélène Cixous, Peter Szondi, Maurice Blanchot, Dino Campana, Hervé Guibert ou Marguerite Duras. En La traducció, la vida (Afers, 2020) recóllense algunhas das súas reflexións sobre esta actividade que considera, ante todo, desexo do outro.
Esta actividade conta co apoio do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e do grupo de investigación Bifega da UVigo. Está aberta ao público xeral e terá lugar o luns 15 de xuño ás 19.00 na aula 1 do edificio Redeiras de Vigo.
Data: luns 15 de xuño de 2026, 19.00
Lugar: Edificio Redeiras, Aula 1 (Berbés, Vigo)