Dentro da II Xornada de Tradución Literaria Alemán-Galego que coorganiza a liña Bitraga, o tradutor e ensaísta Arnau Pons conversará coa investigadora e poeta Almudena Otero sobre a tradución de poesía e de Paul Celan nunha actividade aberta ao público que terá lugar o sábado 13 de xuño a partir das 12.45 nas Casa das Campás (Pontevedra).
Entre outros recoñecementos, Arnau Pons obtivo o Premio Nacional 2015 á Mellor Tradución por Cristall d’alè, de Paul Celan (Atemkristall). Ademais de ser especialista en Paul Celan, traduciu autorías tan diversas como Jean Bollack, Luiza Neto Jorge, Hélène Cixous, Peter Szondi, Maurice Blanchot, Dino Campana, Hervé Guibert ou Marguerite Duras. En La traducció, la vida (Afers, 2020) recóllense algunhas das súas reflexións sobre esta actividade que considera, ante todo, desexo do outro.
Data: sábado 13 de xuño de 2026, 12.45
Lugar: Casa das Campás (Pontevedra)