A tradución literaria e transmedial dos elementos culturais do Vigo noir: caracterización, estratexias e recepción
DOUTORANDA | Blanca Miranda Rodas |
---|---|
TÍTULO |
A tradución literaria e transmedial dos elementos culturais do Vigo noir: caracterización, estratexias e recepción.
|
DIRECTORA |
Iolanda Galanes Santos
|
LIÑA DE INVESTIGACIÓN | Terminoloxía |
RESUMO |
Este traballo de tese ten como obxecto de estudo o subxénero Vigo noir da narrativa galega e a tradución exterior dos seus referentes e terminoloxías culturais. Ten o seu punto de partida no subxénero Vigo noir e no autor de maior proxección exterior do subxénero no sistema literario, Domingo Villar. En primeiro lugar, avanzarase na definición, características e alcance do Vigo noir. A etiqueta e a tipoloxía da literatura negra non está claramente delimitado nas narrativas contemporáneas e, por ese motivo, procúrase esclarecer a terminoloxía mediante unha ontoloxía clasificatoria. Neste punto estudiarase a relación entre as denominacións da Teoría e a Crítica literaria en contraste coas estratexias comerciais ou editoriais. Este asunto é relevante para a posterior análise da recepción do Vigo noir en contexto francófono. En segundo lugar, analizarase a tradución literaria e transmedial do Vigo noir e a súa recepción. Igualmente, caracterizarase a autotradución A praia dos afogados de Domingo Villar, con especial atención aos aspectos culturais (culturemas) e a súa terminoloxía en contraste coas autotraducións de Pedro Feijoo, Un lume azul; Ledicia Costas, Infamia; María Xosé Porteiro, Covardes, con especial atención á terminoloxía marcada culturalmente (denominacións toponímicas, xeográficas, gastronómicas, institucionais, relixiosas, etc.). Por ultimo, esbozarase a imaxe da cidade de Vigo a partir da tradución dos elementos e terminoloxías culturais, mediante os mapas literarios, a película La playa de los ahogados e a crítica das traducións ao español e ao francés (La plage des noyés). |
PALABRAS CHAVE | Vigo noir, tradución literaria, autotradución, tradución transmedial, terminoloxía cultural, culturemas, Domingo Villar, María Xosé Porteiro, Ledicia Costas, Pedro Feijoo |