A paratradución da linguaxe non binaria: unha guía para a especialización profesional

 

DOUTORANDA Carla Míguez Bóveda
 TÍTULO A paratradución da linguaxe non binaria: unha guía para a especialización profesional
DIRECTORXS

Ana Luna Alonso e Alberto Álvarez Lugrís

LIÑA DE INVESTIGACIÓN Estudos de xénero e tradución, Tradución da Literatura infantil e xuvenil
RESUMO Nos últimos anos somos testemuña dun aumento na visibilización da diversidade. Vivimos nunha sociedade que, salvo excepcións, trata de ser cada vez máis inclusiva e parte desta inclusión está na linguaxe que empregamos. Existen diferentes estratexias de linguaxe inclusiva enfocadas nos distintos ámbitos que abrangue a diversidade, pero en este estudio nos centramos nas cuestións de xénero e lingua. Ao poñer o foco sobre realidades diversas presentámolas ante unha parte da sociedade para a que eran descoñecidas e para a que, por tanto, supoñen unha novidade. En consecuencia, ben por descoñecemento ou ben de forma intencionada para causar o mal, podemos empregar unha linguaxe pouco adecuada e incorrer nunha falta de respecto. Concretamente, esta investigación xira arredor da linguaxe non-binaria, un recurso lingüístico que consideramos imprescindible e que, en parte, aínda non está normativizado. Un dos nosos obxectivos principais neste proxecto é crear unha sorte de modelo ou guía de linguaxe non-binaria en galego. Comezamos por estudar as opcións existentes canto a esta e comparámolas coas solucións propostas noutras linguas romance. Unha vez estudadas as opcións, elaboramos unha guía sinxela e flexible que podemos aplicar a todos os ámbitos sociais e académicos, incluído o da paratradución. Centrámonos na paratradución da novela gráfica porque consideramos que é fundamental ter en conta o paratexto e non hai mellor maneira de plasmar un exemplo de paratradución literaria que a través dunha obra ilustrada na que texto e imaxe van da man. O noso corpus está formado por seis obras —tres novelas gráficas nas súas versións orixinal en inglés e mais as súas respectivas traducións ao español— destinadas principalmente ao público xuvenil e cuxa finalidade é a de servir como unha guía sobre a diversidade de xénero e as identidades queer. Consideramos que é preciso incluír obras deste tipo no sistema literario galego para aumentar a bibliodiversidade e proporcionar á mocidade, así como ao resto da poboación, máis e mellores ferramentas que lle axuden a comunicarse de maneira máis inclusiva desde o respecto e a empatía. Para este fin, entrevistamos a diversas editoriais e profesionais do sector para pescudar cales son a súa experiencia e predisposición á hora de traballar con textos queer en xeral e coa linguaxe non-binaria en particular. Esperamos fomentar o uso desta linguaxe e animar ao persoal docente en tradución a ensinar como enfrontarse a textos nos que se emprega a linguaxe non binaria, así como a profesionais e editoriais a traducir e publicar obras diversas e inclusivas nas que se emprega unha linguaxe que comprenda todas as persoas, incluídas as non-binarias.
ENTRADA NO PROGRAMA 2021
PALABRAS CHAVE linguaxe non-binaria, tradución queer, tradución literaria, especialización, paratradución